Dez restauracións exemplares de minas gallegas

2019-08-01T16:59:27+02:0008/07/2019|

Galicia conta con dúas das rehabilitacións mineiras máis importantes de Europa polo seu volume, impacto social e transcendencia ambiental. Trátase da restauración da Mina de Meirama e da Mina das Pontes, ámbalas dúas de extracción de carbón para abastecer senllas centrais térmicas. Con todo, hai outras actuacións que retornaron antigas minas e canteiras á sociedade e ao medioambiente.

Non teñen tanto volume e superficie, pero son unha mostra de que en pequenas explotacións mineiras sen actividade, pódense facer traballos de impacto local moi sobresalientes.

Lagoa de Begonte ( LU)

En 2016 a empresa de extracción de gravas cuarcíferas Erimsa obtivo un certificado á excelencia da Unión Europea de Produtores de Áridos polas súas prácticas ambientais no proxecto de recuperación da lagoa de Begonte, unha zona de alto valor ecolóxico que conta cunha concesión activa para extraer mineral. A zona de actuación estaba declarada como lugar de interese comunitario (LIC) e recentemente incrementou a súa protección á máis elevada en Rede Natura: zona especial de conservación. A iso contribuíu a restauración, que permitiu crear unha nova contorna lagunar, sen vestixios de actividade mineira, e a formación de novas zonas de bosque de ribeira.

O proxecto de restauración ambiental é o punto de partida para a posta en marcha do proxecto Begonte Natura- Ecoparque Lagoas de Riocaldo, co que Erimsa busca poñer en valor a zona cun plan de dinamización de turismo ambiental, pola súa paisaxe, a variada biodiversidade e a riqueza da flora e da fauna no complexo da lagoa. Coñece máis sobre o traballo de recuperación da Lagoa de Begonte na web de Erimsa.

Mina Sonia – Mañón (AC)

Desde 1963, cando a empresa Cuarzos Industriales empezou co seu proxecto mineiro nesta localidade, viñéronse realizando actuacións encamiñadas a integrar as zonas que xa tiveran rendemento na súa contorna natural. A medida que a minaría xera superficies novas, a empresa foi actuando para cubrir as frontes de canteira con vexetación capaz de sobrevivir na contorna agreste da Mina Sonia preto de Estaca de Bares. Para que esta vexetación arraigue (herbas e arbustos xunto a piñeiros marítimos), Cuarzos Industriales emprega subproductos do seu proceso de concentración de sílice como base para terra vexetal. Estudos da empresa catalogaron máis de 100 especies, as mesmas que se atopan en terreos contiguos sen explotación mineira. Ademais dun impacto ambiental, a continua actuación de restauración permite unha integración coa paisaxe da contorna. Cuarzos Industriales restaurou 35 hectáreas con 50.000 árbores desde 1990.

Brañas de Valga – Mesía (AC)

Entre 1970 e 2000, aproximadamente, extraeuse arxila vermella para a elaboración de tellas e ladrillos dunha serie de pozos na zona de Visantoña, en Mesía (A Coruña). A intervención humana e o proceso natural de rexeneración están a converter o lugar nunha zona húmida de interese para a vida natural e o lecer de 4,5 hectáreas. O Concello de Mesía desenvolveu unha aula de natureza cunha mostra para visitantes na que se explica o pasado das fábricas de tellas locais, proporcionando un coñecemento global da arxila e os seus procesos industriais. Nela faise un percorrido desde a materia prima ata a elaboración de cerámica. As actuacións na contorna incluíron a plantación de frondosas, axardinamento e acondicionamento para uso dos cidadáns con áreas de xogos e merendeiros. As zonas de estanques albergan máis de 60 especies distintas de aves e 10 de libélulas catalogadas, ademais dunha boa cantidade de anfibios.

Areeiras da Limia-Sandiás (OU)

As empresas Graveras Castro, Corporación Arenera da Limia e Áridos Antelanos, están a levar a cabo un proxecto de recuperación ambiental de espazos escavados con recuperación dos humidais da Lagoa de Antela nos municipios de Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía. O espazo de 218 hectáreas alberga unha complexa rede de lagoas de ata 15 metros de profundidade e 5 hectáreas de superficie media.

O espazo está enfocado á recuperación das aves, fauna e vexetación que hai décadas chegaron a poboar a zona.

Estas actuacións súmanse ao proxecto LIFE Rexenera Limia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que conta con actuacións múltiples en lagoas para a investigación en recuperación de contaminantes orgánicos procedentes da agricultura e rehabilitación de leitos. Coñece máis sobre o traballo de LIFE Regenera Limia.

Mina Mercedes – Valga (PO)

O espazo dunha antiga explotación ao descuberto de arxilas, que finalizou a súa actividade a finais do século XX, foi ocupado pola auga, que encheu o oco mineiro de 3,9 hectáreas. En 2010 o Concello de Valga iniciou o seu acondicionamento como espazo natural, establecendo carreiros, zonas de arboredo autóctono e plataformas de pesca. Aínda que a flora e a fauna autóctonas víronse relegadas, a lagoa resultante é un coto de pesca sen morte que atrae competicións e está especialmente habilitado para persoas con discapacidade. O espazo converteuse nun dos referentes sociais e naturais da zona con 5,6 hectáreas de espazos.

En xullo de 2019, presentouse un proxecto para a posta en valor do teleférico froito da colaboración do Concello de Valga e a Xunta de Galicia. Esta iniciativa inclúe, ademais da recuperación do teleférico, a reactivación das liñas de vagonetas mineiras e a construción de dúas terminais de acceso en ambos extremos do circuíto. O obxectivo do proxecto é poñer en valor o patrimonio mineiro da zona sen danar o desenvolvemento sostible do municipio.

Pedras Miudas – Catoira (AC)

Unha antiga canteira de granito situada no Concello de Catoria e sen actividade desde hai anos foi reconquistada pola auga doce. Durante as obras de construción da próxima ponte do AVE, as empresas construtoras da infraestrutura adecuaron a contorna da antiga mina para o seu uso cidadán, con camiños, pasarelas e aparcamentos. O Concello de Catoira preparou un proxecto que inclúe unha terraza-miradoiro cuberta e traballos de rexeneración ambiental con especies autóctonas para o aproveitamento de lecer deste lugar.

O Cartoce – Coirós (AC)

A Fundación Fragas do Mandeo (FFM) xestiona desde 2016 unha zona no Concello de Coirós que, ata a década de 1980, tiña actividade mineira. Trátase dunha parcela de 3,8 hectáreas cunha lagoa que ocupa 1,6 hectáreas na que se situaba unha canteira de granito. Tras o fin da explotación, a auga cubriu a súa superficie e converteuse nun hábitat idóneo para os anfibios. A FFM, que conseguiu converter o espazo no primeira micro reserva de anfibios de Galicia, realiza traballos constantes desde 2016 para adecuar a contorna, eliminar especies non autóctonas, preparar accesos e dispoñer algunhas instalacións. Coñece máis sobre a restauración da canteira do Catorce (Coirós) na web da FFM.

Canteira Ferro – O Porriño (PO)

Desde mediados do século XX ata 2012 extraéronse toneladas de granito en bloque para Pocasa, a agrupación de produtores de Granito máis importante de Porriño na Canteira Ferro. Unha vez terminadas as operacións mineiras, realizouse unha actuación de recheo do muro de canteira de 25 metros de altura e do foso de operacións. Desde 2013 realizouse o recheo con materiais inertes procedentes doutras explotacións e áridos valorizados por un axente autorizado. Empregáronse 604 millóns de m3 de material e, encima del, acondicionouse unha cuberta vexetal con arbusto e árbores para a súa integración na contorna.

Mina Juanita – Carballeda de Valdeorras (OU)

O Clúster da Pizarra realiza desde hai anos distintas iniciativas para a minimización do impacto da actividade louseira en Valdeorras por medio da revexetación. Para iso traballa con equipos de investigación en tecnosolos para lograr a estabilización de noiros e a rehabilitación ambiental dos espazos degradados. O obxectivo é lograr unha rápida implantación da cuberta vexetal e reducir os procesos erosivos de vento, aire e o aspecto paisaxe que xeran os vertedoiros. Un dos exemplos de restauración de vertedoiros do sector da lousa é a actuación en Mina Juanita.

Mina Cadamonte – O Incio (LU)

Cementos Cosmos (do grupo Prebetong) iniciou a extracción de calcaria na súa mina de Cadamonte, no Incio, en 1964 e permaneceu activa, abastecendo a planta cementeira de Ourol, ata 1981. Despois obtivo lousa e outros minerais útiles para a planta. Desde 2005 a empresa veu realizando diversas actuacións de recuperación dos terreos mineiros coa plantación de especies autóctonas. Ademais, en 2010, a empresa cedeu 6.000 m2 da súa mina para usos sociais ao Concello do Incio.

Con esta serie de exemplos destacados dunha segunda vida dos espazos mineiros, pódese detectar unha vía para compatibilizar a explotación de recursos mineiros co medio natural e cos usos para a sociedade, cada vez máis esixente coa integración de minas e canteiras na súa contorna.