Formación profesional para o sector mineiro: unha demanda sen resposta

2022-06-03T13:31:00+02:0027/05/2022|

O sector mineiro de Galicia emprega a 11.200 profesionais en distintos postos ao longo de toda a súa cadea de valor. Desde enxeñeiros e xeólogos, a desarrolladores de proxectos, planificadores de recurso, pasando por técnicos especializados no manexo de maquinaria específica ou explosivos. Trátase de postos de traballo estables, remunerados por riba da media e que teñen unha forte dispersión xeográfica en minas e canteiras de todo o mapa.

Por iso, trátase dun sector atractivo para desenvolver unha carreira profesional e que, a pesar diso, non conta aínda con todas as formacións específicas para cubrir as demandas das empresas dos distintos subsectores.

En Galicia non existe ningún centro de formación profesional no que se imparta formación regrada para os postos de traballo demandados polas industrias extractivas (pas e escavadoras, cribas e trituradoras, vehículos de transporte…). Por iso, as empresas mineiras atopan dificultades para a reposición de traballadores nos seus persoais, mentres que as administracións públicas non acaban de apoiar as súas iniciativas para a FP Dual e os mozos en situación de decidir o seu itinerario formativo, non atopan alicientes suficientes para demandalas.

Formación Profesional de Grao Medio de Técnico en Escavacións e Sondaxes

Minería Sostenible- Maquinaria

Para tratar de mitigar a falta de profesionais para as empresas mineiras, a Asociación Galea de Áridos (Arigal) mantén desde 2015 unha iniciativa, xunto á Cá mara Oficial Mineira de Galicia e o Concello das Pontes, de demandar ante as administracións públicas galegas a creación de formación específica de Formación Profesional de Grao Medio de Técnico en Escavacións e Sondaxes, perfil operador de maquinaria de movemento de terras.

Entre 2018 e 2019 mantívose un intenso calendario de reunións coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como coa Consellería de Educación, encargada dos plans de estudos autonómicos. A Xunta indicou que a modalidade baixo a cal se pode implantar este ciclo é a Formación Profesional Dual. Nesta modalidade, o alumnado dun ciclo de formación profesional (medio ou superior), recibe unha formación personalizada, que se desenvolve parte no centro educativo e parte na empresa, co obxectivo de que o alumnado formado consiga os coñecementos, competencias e capacidades que a empresa demanda nos seus traballadores.

Formación Profesional Dual para o sector do granito

Para atender a demanda das empresas do sector, o Clúster do Granito traballou coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na elaboración dun programa formativo de FP Dual adaptado á industria transformadora e extractiva.

O primeiro dos froitos desta iniciativa será a oferta, por primeira vez en Galicia, do ciclo de grao medio de Pedra Natural. Os ensinos comezarán a impartirse no curso 2022/23 no IES Ribeira do Louro, no Porriño; mentres que o alumnado realizará a formación práctica nas empresas que o soliciten no Clúster do Granito. Este grao de modalidade dual supón a integración en Galicia dunha nova familia profesional, a de Industrias Extractivas, cunha oportunidade clara de emprego para os futuros estudantes.

A Formación Profesional Dual é un medio para dar resposta á necesidade de novos profesionais, xa que se trata dunha modalidade que se desenvolve en colaboración entre as empresas e os centros educativos. Nela o currículo do módulo adáptase ás necesidades das empresas interesadas, polo que resulta de suma importancia coñecer a demanda real dos asociados.

Técnico Superior en Termalismo e Benestar

Co obxectivo de capacitar a profesionais para o sector das augas minerais desde o curso 2021-2022, impártese en Ourense (CIFP A Farixa) o primeiro Ciclo Superior de Formación Profesional Dual en Termalismo e Benestar, con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como dos correspondentes aspectos básicos do seu currículo. O nivel é de Formación Profesional de Grao Superior, a duración dos estudos é de 2.000 horas, e enmárcase no nivel 1 de Técnico Superior.

A competencia xeral deste título consiste en xestionar servizos relacionados co termalismo e o benestar, aplicando técnicas e programas de acondicionamento físico na auga de acordo con protocolos establecidos.

A Escola de Colocadores de Lousa de Valdeorras

Minería Sostenible- Colocador de pizarra

A instalación de cubertas de lousa foi, durante anos, unha profesión que se aprendía dentro das cuadrillas e empresas de colocadores. Para satisfacer as necesidades de man de obra especializada neste campo, o Clúster da Lousa de Galicia impulsou unha Escola Técnica de Colocadores no Centro Tecnolóxico da Lousa para aumentar a eficiencia e calidade na colocación de lousa.

Na actualidade trátase dunha formación regrada que se imparte no IES Sobradelo de Carballeda de Valdeorras, que conta cun ciclo medio de Técnico en Construción, cunha importante relación co mundo da lousa. Este centro, que é modular e para maiores de 18 anos, permite cursar materias soltas.

As empresas que operan minas e canteiras de Galicia, así como as dos distintos sectores industriais da cadea de valor do sector extractivo, atópanse con dificultades parecidas á hora de atopar traballadores cualificados. En 2020 o 41,3% das ofertas de emprego publicadas en España demandaron un título de Formación Profesional (FP), por encima do 33,7% que requirían graduados universitarios, segundo os datos do Informe Infoempleo Adecco. Estas cifras marcan un ascenso da demanda de titulados de FP, xa que en 2019 as ofertas de emprego para estes perfís era dun 38,8% do total.