Viaxe ao centro da mina subterránea de lousa máis grande do mundo

2022-08-04T10:19:31+02:0004/08/2022|

A fama da lousa galega chega a lugares tan afastados como Países Baixos, Inglaterra, Suíza, China ou Estados Unidos. Con todo, son poucos os que se imaxinan –incluídos os propios galegos- que en Carballeda de Valdeorras (ao noroeste de España, xusto na fronteira con Portugal), atópase A Fraguiña, unha mina que, a pesar do seu humilde nome, constitúe a explotación subterránea de lousa máis grande do mundo.

Cando falamos de grandes minas e canteiras, inevitablemente trasladamos a nosa mente a países como Canadá, Australia ou Brasil. No entanto, a mina ourensá componse de oito quilómetros de galerías perforadas baixo terra e conta con zonas onde se alcanzan os catrocentos metros de profundidade.

A Fraguiña é, ademais, todo un exemplo de innovación e sustentabilidade, sendo todo un referente de explotación sostible para universidades de todo o mundo. A explotación subterránea constitúe unha singular obra de enxeñería que lembra inevitablemente a unha catedral subterránea formada por galerías e bóvedas talladas en rocha negra.

As cifras que achega a pedra metamórfica que se extrae desta e outras moitas canteiras ourensás impóñense ante o baleirado do interior de Galicia. E é que, o sector da lousa da nosa comunidade mantense como o maior produtor e exportador do mundo. En 2019, as empresas galegas exportaron un total de 467.947 toneladas de produto por un valor de 255.033.186 euros. Por tanto, esta rocha ornamental utilizada habitualmente en cubertas e revestimentos de muros, posiciónase como un revulsivo para a economía do interior de Galicia e como un antídoto contra o desemprego e o despoboamento case crónico que sofre esta zona.

Como é a mina de lousa máis grande do mundo?

Minería bajo tierra

A Fraguiña é explotada pola empresa Cafersa, pertencente ao grupo Rathscheck, desde 1968. A actividade comezou ao descuberto ata que, a comezos dos anos 90, se optou unha explotación baixo terra.  Os motivos para o cambio no modelo de explotación foron as características da fronte, a necesidade de reducir o impacto paisaxístico e por outra, obter un maior aproveitamento do xacemento. Para iso fixo falta unha enorme planificación e dous anos de obras e acondicionamento. Pero a espera valeu a pena.

Na actualidade, a mina subterránea de lousa está formada por unha galería principal e por varías cámaras que alcanzan unha profundidade media de 75 metros, 25 de ancho e unha lonxitude de 200 metros. Cada unha destas cámaras explótase por banqueo descendente e, unha vez que acabou a súa explotación, énchese inmediatamente con material de refugallo para a súa restauración; polo que a economía circular é unha constante na maior mina subterránea de lousa do mundo.

Nesta catedral de ouro negro trabállase por quendas, cubrindo as 24 horas do día os 7 días da semana. Un total de 45 persoas traballan o seu interior, con 3 grupos de 5 persoas encargados da preparación e a construción das galerías e cámaras; mentres que o resto do persoal divido en 2 grupos ocúpase dos labores relacionados coa extracción dos bloques da pedra natural. Estes grandes bloques de lousa son cortados de maneira sostible mediante fío de diamante e transportados ao exterior. Debido ás enormes dimensións da mina, este traslado realízase en grandes dumpers.

Finalmente, estes bloques son transformados en dúas naves próximas pertencentes á mesma empresa. En cada un destes centros de transformación traballan entre 30 e 40 profesionais encargados de preparar as pezas finais que vemos en tellados, chans, paredes ou mesmo enxoval do fogar.

Polo que esta canteira, do mesmo xeito que a maioría de explotacións de roca ornamental de Galicia, non só dá traballo aos empregados da explotación, senón tamén aos encargados de labrar e preparar as pezas finais, xerando unha cadea produtiva que revaloriza os nosos ricos recursos xeolóxicos a través da experiencia e a dedicación dos nosos profesionais.

As vantaxes da minaría baixo terra

mineria-sostenible-Fraguiña

A técnica da minaría subterránea supón grandes beneficios, e xa foi empregada noutras explotacións históricas de Galicia como San Finx ou Magnesitas de Rubián, onde aínda se extrae magnesita.

No caso da lousa, a explotación subterránea supón:

  • Maior aproveitamento do recurso: mentres que en canteiras ao descuberto só é aproveitable entre o 4 e o 5% do material que se extrae da canteira, na Fraguiña esta porcentaxe chega ao 12%.
  • Redución dos entullos: á maior eficiencia no aproveitamento do material, hai que sumarlle, que só o 50% do material extraído sae ao exterior. Eméndase desta maneira uno dos maiores inconvenientes asociados a explotación tradicional da lousa.
  • Reutilización do material: a lousa que non é aproveitable, utilízase para encher as cámaras que xa foron explotadas. Desta maneira, a rehabilitación das zonas afectadas realízase en paralelo á explotación.
  • Redución do impacto: o impacto visual e ambiental redúcese ao mínimo grazas á técnica da minaría subterránea. A orografía e o ecosistema da montaña manteñen as súas características.

Como ves, as montañas e a minaría galega esconden peculiaridades como a maior mina subterránea de lousa do mundo, unha innovadora obra que chamou a atención de enxeñeiros de todo o mundo e que é analizada en congresos internacionais por razóns de eficiencia e sustentabilidade. A Fraguiña é un exemplo de como humanos e natureza son capaces de crear paisaxes extraordinarias.