O futuro da minaría debatiuse en ‘A minaría, motor do desenvolvemento social’

2020-01-16T13:20:51+01:0027/09/2019|

A plataforma Minaría Sostible de Galicia e a Confederación Nacional de Empresarios de la Minería y de la Metalurgia (Confedem) celebraron este mércores na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a xornada ‘A minaría, motor do desenvolvemento social’, encadrada no European Minerals Day.

Mineria-galicia-evento

O acto inaugurouse coa intervención de Juan de Dios Martín, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia; e coa de Juan José Cerezuela, presidente de Confedem. Martín resaltou a importancia do sector mineiro para Galicia, que logrou unha contribución ao PIB do 0,7%, con 437 millóns de euros en exportacións e 11.211 empregos xerados.

Cerezuela destacou os xacementos de litio, vanadio e cobalto presentes en España. “Trátase de materiais de alta cotización hoxe en día. Os procesos administrativos deberían ser máis áxiles para aproveitar esta gran oportunidade”, declarou.

O encontro transcorreu en forma de mesas redondas, con voces procedentes de diversos ámbitos (grupos políticos e sindicais, universidades, colexios profesionais e empresas mineiras), que puxeron sobre a mesa temas estratéxicos relacionados coa necesidade da industria mineira para o abastecemento de materias primas minerais para o noso desenvolvemento como sociedade.

O obxectivo da xornada foi achegar á sociedade a realidade do sector mineiro e os desafíos para o futuro.

A riqueza do solo de Galicia

A primeira mesa redonda estivo moderada por Diego López, director da Cámara Oficial Mineira de Galicia. Esta estivo formada por representantes de grandes subsectores mineiros: Marco A. Sosa, Valoriza Minería (sector metálico); Benigno Amor, Clúster da auga Mineral e Termal de Galicia; Carlos Martínez, Asociación Galega de Áridos (ARIGAL); e Jorge Massó, Clúster do Granito.

Amor destacou o valor que achegan as augas termais ás comarcas nas que se sitúan as surxencias, ao tratarse dun recurso que non se pode deslocalizar. Tamén falou do proxecto de Lei de augas termais para usos lúdicos de Galicia, unha nova normativa que permitiría avanzar cara novos públicos e pasar da “tradición termal de Galicia a unha cultura termal”.

Pola súa banda, Sosa destacou a importancia dos metais para producir enerxía verde. “Se queremos ser sustentables, debemos incrementar a extracción de metais. Un coche eléctrico necesita 3 veces máis de cobre que un de combustión, e estímase que a demanda de litio multiplicarase por 8 nos próximos anos”, declarou. Ademais, a extracción destes metais en Galicia evitaría custos e emisións, ao non ter que ser transportados desde outros países.

Jorge Massó tamén defendeu a importancia do local, tanto dos recursos cos que contamos no subsolo galego como o granito (industria na que Galicia ocupa o 2º lugar a nivel europeo e 4º a nivel mundial), como de toda a cadea de valor xerada en Galicia, desde a extracción ata a elaboración. “Hoxe en día en Porriño toda a maquinaria desenvólvese e prodúcese localmente. Xa posicionamos no estranxeiro os nosos produtos, agora debemos ser capaces de exportar tamén o noso coñecemento”, manifestou.

Respecto ao sector dos áridos, o segundo recurso máis consumido do mundo só por detrás da auga, Martínez destacou o labor de internacionalización que se está levando a cabo no sector galego e que desde 2018 conseguiu posicionar os áridos en mercados europeos como Reino Unido ou Francia. Para favorecer o coñecemento dos produtos no exterior contan con ferramentas como o catálogo de áridos galegos.

O sector mineiro como xerador de emprego e antídoto contra o baleiro do rural

No evento tamén estiveron representados os sindicatos: Paulo Carril, secretario xeral de CIG; Javier Carreiro, secretario xeral de UXT FICA Galicia; e José Hurtado, responsable de Política Sindical da Federación de Industria de CCOO. Este último destacou un dato: “Europa marcouse o reto de que o 20% do PIB proveña da industria. Con todo, en España non chega nin ao 15%”. E subliñou a importancia da minería para concellos como O Barco de Valdeorras.

Os demais relatores incidiron na necesidade de xerar industria nun país que vive do sector servizos, que non xera valor engadido.

Carril destacou que ademais do beneficio social durante a etapa de explotación dunha mina, estas tamén poden xerar valor a posteriori, e puxo de exemplo o caso da restauración das Pontes.

A necesidade de coñecer os recursos de Galicia

Na mesa ‘O futuro da minaría sostible’, moderada por Vicente Gutiérrez, director xeral de Confedem, estiveron presentes colexios e universidades, coas intervencións de Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (Universidade de Vigo); Juan José Fernández, decano do Colexio de Enxeñeiros de Minas; Juan Carlos Morán, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia; e Pablo Núñez, delegado en Galicia do Ilustre Colexio Oficial de Geólogos.

Alonso destacou a importancia de incorporar ás formacións de graos e máster conceptos que serán fundamentais no futuro, como a Industria 4.0. e a economía circular.

Tanto Morán como Fernández destacaron a importancia das terras raras e os minerais cos que se fabrican placas fotovoltaicas ou aeroxeradores. “Todo o mundo recoñece que é necesaria a descarbonización, pero para iso fan falta materias primas procedentes das minas”, declarou Fernández.

Pola súa banda, Núñez centrouse na fase de investigación: “É necesario investir en investigación. En España contamos con minerais estratéxicos, pero antes debemos coñecelos. A obrigación dun Estado é coñecer os recursos dos que dispón”.

Todos os relatores estiveron de acordo en que antes de explotar estas terras raras, hai que transmitirlle á sociedade os seus beneficios, que van máis aló da ganancia económica.

A normativa mineira

Na última mesa da xornada interviñeron Antonio Vidal, director do sur de Europa de MAXAM; Roberto Martínez, xefe da área de Recursos Minerais do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME); Luís Martins, presidente do Clúster Portugal Mineral Resources; Julio César Valle, asesor xurídico de COMINROC; e Moisés Blanco, deputado do Partido Popular no Parlamento Galego.

Este último incidiu en que a minaría “é un dos sectores máis regulados, con garantías legais que permiten o estudo de calquera proxecto, aos que non se debe aplicar un ‘non’ ideolóxico”. E engadiu que “Galicia non se pode permitir perder os postos de traballo que achega a minaría”.

Valle destacou que “calquera proxecto mineiro está amplamente regulado e debe contar cun plan de impacto ambiental”. Tamén reivindicou a necesidade de manter a independencia dos técnicos ante as presións políticas á hora de aprobar proxectos: “Saquen a minaría da política”.

Martínez sinalou que a Unión Europea estableceu unha listaxe con 27 minerais críticos, base de moitas industrias. “En España hai indicios importantes de que polo menos contamos con 23 de eles”, declarou.

Martins centrouse nos proxectos mineiros que se están desenvolvendo en Portugal, onde sobresae o da mina de Montealegre, na fronteira con Galicia. Trátase dun dos proxectos europeos máis ambiciosos en canto a minaría de litio. “Non hai vida sen minas. Nós decidimos se extraemos os recursos necesarios para o desenvolvemento na nosa terra baixo un marco de sustentabilidade ou se decidimos importalos de países onde non se cumpre este marco normativo”, manifestou Martins.

Vidal tamén quixo destacar como inflúe a opinión pública na execución dos proxectos extractivos comparando a visión negativa que se ten en España do sector en contraposición con países como Chile, onde a minería achega máis do 10% do PIB e a xente é consciente da necesidade dos seus produtos e dos beneficios da súa explotación.

O acto contou con clausura de Anxo Bernardo Tahoces, director xeral de Minas e Enerxía da Xunta de Galicia, que reforzou as mensaxes anteriores con exemplos de sustentabilidade, como a compatibilidade das explotacións mineiras coa Rede Natura 2000, rede á que pertencen as lagoas de Begonte. Tahoces destacou ademais o papel da minaría na economía circular: “A mina de Penouta é a única mina de coltán de Europa, mineral que se está extraendo de materiais procedentes de antigos labores de investigación e explotación”. Tahoces concluíu dicindo que non debemos falar de “pasivos ambientais, senón de activos sociais”.