Europa, e en particular Galicia, enfróntanse a desafíos, pero tamén a oportunidades neste contexto. O desenvolvemento de políticas para aproveitar os recursos minerais locais, xunto con investimentos en reciclaxe e en tecnoloxías de substitución, será crucial para asegurar o subministro futuro destes minerais.
Cales son eses minerais esenciais para a intelixencia artificial?
Como comentábamos, o desenvolvemento da intelixencia artificial implica o uso dunha serie de minerais, denominados estratéxicos, implicados na fabricación dos compoñentes clave dos seus sistemas. Pero, cales son os minerais esenciais para o desenvolvemento desta tecnoloxía?
O litio e o cobalto son fundamentais para a produción de baterías de ión-litio, que están presentes en moitos dispositivos electrónicos, incluídos servidores e centros de datos utilizados para adestrar modelos de intelixencia artificial, ademais de seren cruciais para smartphones, ordenadores e outros dispositivos portátiles e autónomos que fan uso de algoritmos de intelixencia artificial. Prevese que co crecemento das tecnoloxías relacionadas coa intelixencia artificial, a demanda destes dous minerais siga aumentando progresivamente.
O grafito tamén é fundamental para as baterías de ión-litio como material do ánodo. Ademais, o grafeno, un derivado do grafito, está sendo investigado para o seu posible uso en electrónica avanzada grazas ás súas excelentes propiedades de condución e flexibilidade.
O níquel é outro material crítico na produción de baterías de alto rendemento e resistentes ao calor, como as usadas na fabricación de superordenadores e outros compoñentes electrónicos de alta gama. A medida que a intelixencia artificial siga demandando maiores capacidades, o uso deste metal será cada vez máis importante.
Un dos elementos indispensables na fabricación de compoñentes electrónicos como cables e circuítos que se atopan en dispositivos de intelixencia artificial e sistemas de comunicación é o cobre. Este metal posúe excelentes propiedades de condución térmica e eléctrica, o que o converte nun material clave para a creación de semicondutores e tamén superordenadores. Neste sentido, tamén cabe destacar o silicio, fundamental tamén para a fabricación de chips semicondutores que son o corazón dos procesadores que alimentan as aplicacións da intelixencia artificial.
Pola súa parte, as terras raras, un grupo de elementos entre os que destacan o neodimio, o praseodimio, o disprosio e o terbio, son cruciais para a fabricación de imáns de alta potencia usados en motores eléctricos e xeradores de enerxía, esenciais na robótica e nos sistemas avanzados de intelixencia artificial. Tamén son importantes na fabricación de pantallas e dispositivos ópticos avanzados.
Estimacións da demanda futura de minerais
As tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial están a expandirse a sectores como a industria automobilística, a atención médica, a manufactura e os servizos financeiros. Precisamente por iso, as necesidades destes minerais van aumentar exponencialmente.
Un informe da Axencia Internacional da Enerxía (AIE) suxire que a demanda de certos minerais críticos podería aumentar entre un 300% e 500% para 2040. As baterías de ión-litio representan unha parte importante deste aumento.
- Prevese que a demanda de litio aumente aproximadamente un 40% para 2030, debido ao crecemento dos vehículos eléctricos e dispositivos portátiles con IA.
- A demanda de cobalto podería aumentar un 20% anual na próxima década, debido á necesidade de baterías para dispositivos avanzados.
- En canto ás terras raras, como o neodimio e o disprosio, a demanda podería triplicarse nos próximos 20 anos, dado o auxe dos sistemas de robótica e motores eléctricos que usan intelixencia artificial.
- Espérase que a produción de cobre e níquel medre exponencialmente debido á crecente complexidade dos centros de datos que procesan grandes cantidades de información para os algoritmos de intelixencia artificial.
- A demanda de silicio e grafito tamén aumentará de forma constante, pero os esforzos en investigación buscan desenvolver alternativas de maior rendemento, dado o estrés que xa enfrontan as cadeas de subministro globais.
Desafíos e oportunidades para Europa
Europa, igual que moitas outras rexións do mundo, depende en gran medida das importacións de minerais críticos. Por exemplo, máis do 90% das terras raras proveñen de China, o que plantea un desafío estratéxico, especialmente nun mundo onde a intelixencia artificial e a transición enerxética aumentan a competencia global por estes recursos.
Nos últimos anos, a Unión Europea puxo en marcha iniciativas para reducir a súa dependencia destes países mediante a exploración de reservas internas, a reciclaxe de materiais críticos e a promoción de tecnoloxías de substitución. A Lei Europea para as Materias Primas Fundamentais busca mellorar o acceso a minerais críticos mediante a diversificación de provedores e a explotación de fontes internas.
Galicia, clave na explotación de recursos estratéxicos
Galicia, en particular, ten un enorme potencial no subministro de minerais clave para a intelixencia artificial. A comunidade conta con importantes reservas de minerais como o estaño, o wolframio, o litio ou o cobre, os cales son cada vez máis estratéxicos na fabricación de compoñentes tecnolóxicos.
O wolframio (ou tungsteno) é especialmente relevante, xa que Galicia é un dos poucos lugares de Europa con reservas significativas deste metal. Utilízase en aliaxes resistentes ao calor, esenciais para a fabricación de chips e outros compoñentes electrónicos de alta gama.
Solucións sostibles e reciclaxe de materiais críticos
Europa tamén está a avanzar na reciclaxe de materiais críticos como parte do seu enfoque cara a unha economía máis circular. A reciclaxe de baterías de ión-litio e de compoñentes electrónicos vellos podería reducir significativamente a necesidade de extracción de novos minerais. Ademais, están a desenvolverse tecnoloxías para reciclar terras raras a partir de dispositivos electrónicos obsoletos, o que podería mitigar o impacto ambiental e axudar a reducir a dependencia das importacións.
Outra solución a longo prazo é a innovación en materiais. A busca de alternativas aos materiais actuais podería ser un dos camiños que axuden a disminuír a necesidade de certos minerais que agora son críticos.