Son necesarias tantas minas e canteiras en Galicia?

2019-02-14T18:03:26+01:0012/02/2019|

Segundo as estatísticas mineiras do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, en Galicia en 2016 estaban funcionando 248 minas e canteiras, 13 plantas embotelladoras de auga mineral e 21 balnearios. O descenso do número de explotacións foi dramático desde 2007, cando había 398 minas e canteiras operativas e un número similar de establecementos de augas.

Pero, son necesarias as minas e canteiras en Galicia? A resposta é afirmativa ao 100%.

A industria extractiva proporciona materias primas básicas para cubrir as necesidades dos cidadáns como materiais de construción (áridos, granitos, lousa e cerámica), materias primas para a industria, para o sector agrícola e directamente para o consumo humano (augas minerais e balnearios). Tamén é un sector estratéxico para a Unión Europea, que sinalou a necesidade de promover a explotación dos recursos naturais existentes no territorio europeo de xeito sostible co medio ambiente.

A importancia económica do sector mineiro queda de manifesto por ser provedor de materias primas de numerosos sectores industriais: cemento, cales, cerámica, formigón, morteiro, ladrillos, vidro, construción, aceiro, industria química, xeración de enerxía, alimentación, medio ambiente, etc.

A minaría, un sector estratéxico

Ao igual que en toda Europa, no caso de España, a industria extractiva de rochas e minerais é un sector estratéxico, absolutamente imprescindible para o desenvolvemento da actividade económica de España, poñendo en valor máis de 60 tipos diferentes de rochas e minerais.

Ademais, a industria extractiva pode aliviar a escaseza de materias primas do país, equilibrando a balanza comercial. A nivel nacional, segundo a Confederación de Industrias Extractivas de Rocas y Minerales Industriales (Cominroc), o 20% das rochas e minerais extraídos en España están destinados á exportación, cun volume de exportación de preto de 1.500 M€ provenientes principalmente das rochas ornamentais (226 M€ deles corresponden ao granito e á lousa galega), dalgúns dos minerais industriais (28 M€ teñen orixe en Galicia) e do cemento.

Queda de manifesto que as rochas e os minerais son imprescindibles no mundo moderno e, sen eles, a sociedade de benestar na que vivimos non sería posible. Aprender a valoralos e comprender que é necesario extraelos para poder usalos é esencial para facer que o sistema sexa sostible a longo prazo, evitando comprometer o futuro das novas xeracións. Sen minerais non é posible manter un nivel de vida mínimo para os cidadáns. A industria extractiva xoga un papel estratéxico en toda Europa.

Quizais podería quedar aberta outra pregunta. Unha vez confirmada a necesidade de produtos mineiros, a súa contribución á sociedade e á economía, queda aberta a pregunta sobre o número de explotacións. Son necesarias tantas minas e canteiras en Galicia? A resposta é 100% afirmativa de novo.

Os recursos minerais do subsolo non son móbiles

A industria extractiva constitúe un caso excepcional entre os sectores industriais, xa que a súa localización está determinada por unha inusual concentración de materias primas na codia terrestre. É por iso que hai minas e canteiras onde existen minerais para extraer e onde é posible facelo sen interferir gravemente nas actividades humanas, o patrimonio ou a natureza.

A xeoloxía determina se unha zona é útil para a extracción de lousa (como a comarca de Valdeorras), a de granito (como no Concello do Porriño) ou a de augas (xunto a mananciais naturais). Ademais, as industrias como a da transformación da cerámica están instaladas preto dos xacementos de arxila vermella para completar o ciclo productivo. Por iso, hai unha gran concentración de minas e canteiras en certas zonas de Galicia e hai áreas con moitas décadas de actividade extractiva, como o Barbanza para metais, a Costa da Morte para minerais industriais ou o cuarzo na Mariña de Lugo.

Os áridos non viaxan ben

O caso dos áridos é aínda máis específico. Os recursos minerais que poden ser empregados como areas ou gravas son relativamente abundantes en Galicia e en toda España. Debido a isto, o seu valor por tonelada é bastante baixo (unha media de 5 euros), polo que os custos da súa distribución son bastante elevados se se producen desprazamentos de longa distancia. O transporte de áridos realízase por estrada desde as canteiras ata o seu punto de uso con camións pesados, polo que a ubicación dunha canteira é un factor moi importante.

O mapa de distribución de canteiras de áridos en Galicia elaborado por Arigal reflicte que as canteiras sempre están moi preto das áreas metropolitanas das sete cidades galegas e as principais vilas. Alí concéntranse as construcións residenciais, os equipamentos (hospitais, escolas …) e infraestruturas (portos, ferrocarrís, estradas…).

Se houbese menos canteiras, os custos adicionais de transporte deberían ser sufragados polos compradores (principalmente as administracións públicas), que deberían pasar á sociedade en forma de impostos máis altos e de prezos máis elevados en novas vivendas.

Ademais das consecuencias económicas en forma de custos adicionais, existe unha preocupación adicional sobre a pegada de carbono que pode representar unha viaxe de longa duración nun camión de transporte de áridos. Segundo datos do Ministerio de Recursos Naturais de Canadá (NRCan), cada camión de áridos consume 0,56 de combustible por quilómetro, o que supón 0,0015 toneladas de CO2 emitidas. Os camións de transporte de áridos poden realizar unha media de 75 quilómetros en cada viaxe. Se houbese menos canteiras en Galicia e os camións tivesen que viaxar, por exemplo, a 150 quilómetros (ida e volta) as emisións dun só vehículo dispararíanse ata as 0,225 toneladas de CO2.

Ocorre un caso excepcional na exportación por mar en buques de grandes tonelaxes ou no comercio de áridos de alto valor.