Turismo mineiro en Galicia: tres plans diferentes

2024-04-24T16:07:52+02:0024/04/2024|

Os xacementos, os museos mineiros, os obradoiros, así como outras instalacións asociadas ás minas xa pechadas son probas viventes da historia, a sociedade e a xeoloxía de Galicia. Por este motivo, a nosa comunidade do mesmo xeito que outras rexións ao redor do mundo, está a impulsar o turismo mineiro para que tanto os visitantes como os autóctonos poidan achegarse a unha perspectiva pouco coñecida da riqueza da nosa terra e da nosa cultura.

As antigas explotacións gardan unha rica herdanza que se estende ao longo de décadas e mesmo séculos. Estas adoitan estar situadas en zonas rurais, onde se mestura natureza con patrimonio industrial.

Outra das grandes riquezas que acollen moitos puntos do mapa turístico mineiro galego son restauracións realizadas polas empresas extractivas unha vez finalizada a súa actividade. Estas restauracións adoitan incluír impresionantes ecosistemas que percorrer e observar, así como diversas opcións de lecer e deporte.

Se estás a pensar nunha escapada de fin de semana que inclúa longas andainas pola natureza e empaparte da historia de centos de mineiros galegos propoñémosche catro plans para que experimentes por ti mesmo o turismo mineiro:

Complexo histórico e recreativo da Pontenova (Lugo)

A Pontenova teno todo para pasar un día de aventuras coñecendo a súa xeoloxía, historia e realizando actividades inesperadas, e é que este espazo conecta co pasado mineiro e busca ofrecer unha experiencia inesquecible para quen o visite. Un dos seus maiores atractivos é o descenso en tirolesa, que conta cunhas impresionantes vistas e recrea o traxecto que antigamente realizaba o tranvía aéreo que levaba mineral desde a ladeira da Mina Consuelo á Mina Boulloso.

Os que prefiran moverse en transporte terrestre poden gozar do roteiro do ferrocarril en cuadriciclo, unha forma de percorrer a antiga vía do tren mineiro. Tamén coñecida como “Vía Verde do Eo”, este percorrido discorre paralela ao río Eo desde A Pontenova ata Santirso de Abres. Polo que o roteiro serpentea entre Asturias e Galicia atravesando varios túneles.

Ademais, as galerías das Mina Consuelo están adaptadas para que os visitantes poidan acceder ata o nivel –1 e coñecer o que se esconde baixo os seus pés.

A esta aventura por tirolesas tamén se lle suman as viaxes en canoa polo río , esta actividade é unha opción que tamén busca impulsar o turismo sostible na zona.

Un enorme espazo de lecer en Porto Piñero (Pontevedra)

O proxecto de Rexeneración da lagoa de Porto Piñeiro é unha ambiciosa iniciativa para darlle unha nova oportunidade a unha mina en Valga. A propia natureza foi a que provocou a primeira gran reconversión da mina valguesa de Porto Piñeiro nunha lagoa que ocupa máis de 5 hectáreas.

O Concello de Valga está a preparar un proxecto para converter este espazo nun lugar onde convivan historia mineira, lecer e natureza. Ao redor desta lagoa construirase unha senda peonil e unha vía para bicicletas. As marxes destes novos camiños estarán dotados de pedras fotoluminiscentes que permitirán aos usuarios percorrer a zona de noite con seguridade. Ademais, dotarase á contorna da antiga mina dun parque de madeira infantil.

Para completar o proceso de rexeneración e posta en valor da antiga de mina de arxila, o proxecto contempla o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre con praia artificial e piscina, unha área de usos recreativos e varias zonas deportivas, entre elas unha pista para a práctica de deportes como o skate ou BMX, un complexo de fitness ao aire libre, un percorrido de parkour e equipamento ciclista para aparcamento e mantemento das bicicletas.

Doutra banda, unha das actuacións máis creativas da iniciativa é a creación dun resort acuático, cun escenario flotante e unha zona de cabanas turísticas situadas en terra firme e na superficie da lagoa.

As lagoas de Sandiás (Ourense)

Por último, desprazámonos á comarca da Limia, en Ourense, para dirixirnos ás Areneras de Sandiás. Aquí atoparás numerosas lagoas froito da explotación mineira, as antigas minas e canteiras son a día de hoxe un hábitat excelente para a fauna.

O pasado da zona estivo marcado tamén pola desaparecida lagoa de Antela. Este humidal, que nalgunhas ocasións chegaba ao 7 km de longo por 6 de ancho, foi drenado como parte das agresivas políticas agrarias de principios dos 60. Xunto coa lagoa desapareceron varias especies de aves, moitas delas acuáticas, que a día de hoxe están ameazadas.

Con todo, as explotacións de áridos que se atopan nos municipios de Xinzo de Limia, Sandiás e Vilar de Santos ofrecen unha oportunidade para algunhas destas aves que poden regresar a estes espazos que tradicionalmente ocupaban. Agora os visitantes poden aproveitar os meses de abril, maio e xuño para coñecer as aves que chegan coa migración primaveral a través dos numerosos observatorios construídos.

Estes son só algúns dos exemplos do turismo mineiro que se está levando a cabo en Galicia. Unha segunda vida para antigas explotacións e tamén para o turismo e a economía de moitos dos nosos pobos.