Sabías que o hidróxeno é o elemento químico máis abundante do Universo e o máis lixeiro da táboa periódica? A famosa H, con número atómico 1, constitúe nin máis nin menos que o 75% da materia que coñecemos.
Ademais, é un vector enerxético, un produto que require dunha achega de enerxía para ser obtido e que conta coa particularidade de ser capaz de almacenar enerxía para, posteriormente, ser liberada de forma gradual cando sexa requirida. Dependendo da forma de obtención distínguese unha variada “paleta de cores” de hidróxeno: azul, gris, rosa, turquesa e, o que realmente nos interesa neste post, o hidróxeno verde.
A versatilidade do hidróxeno renovable e o seu potencial
Tamén chamado hidróxeno renovable, o hidróxeno verde é aquel que se produce a través dun proceso chamado electrólise da auga, utilizando electricidade xerada por fontes renovables como a solar ou a eólica. Durante este proceso, a auga descomponse en hidróxeno e osíxeno, e o hidróxeno resultante almacénase para o seu uso posterior en diversas aplicacións.
Do mesmo xeito que ocorre coas enerxías limpas, na cadea de valor do hidróxeno verde requírense minerais específicos que desempeñan un papel crucial nos diferentes procesos. Máis concretamente, os metais son os grandes protagonistas cando falamos de produción, almacenamento e transporte deste vector. Por exemplo, o níquel é utilizado para a produción de electrolizadores (dispositivos que separan a auga en hidróxeno e osíxeno) e para o almacenamento; os metais preciosos son utilizados como catalizadores; o aceiro, composto por ferro, ou o titanio son utilizados na construción de equipos e estruturas necesariamente resistentes para poder acumulalo e transportalo.
Usos do hidróxeno verde
A importancia do hidróxeno verde radica, por unha banda, en que non produce emisións de dióxido de carbono cando se queima e, doutra banda, na súa capacidade para ser utilizado como unha fonte de enerxía limpa e versátil en varios sectores. Estes atributos fan que teña múltiples aplicacións:
Industria. O hidróxeno verde pódese empregar para producir químicos como o amoníaco ou o metanol, así como para producir fertilizantes para o sector agropecuario.
Outra das industrias nas que máis destaca o potencial do hidróxeno renovable é a industria metalúrxica. Na produción do aceiro necesítanse grandes achegas enerxéticas, e poderíase empregar o hidróxeno renovable como fonte enerxética para alcanzar as temperaturas necesarias no seu proceso de produción (altos fornos). Tamén pode ser utilizado como axente redutor para a xeración de aliaxes, desprazando o uso de carbón.
Transporte: Outro dos seus usos máis destacados é o de combustible, proporcionando unha alternativa libre de emisións. Os automóbiles, camións, trens e barcos impulsados por hidróxeno verde teñen a vantaxe dunha maior autonomía e un tempo de recarga máis rápido en comparación coas baterías eléctricas.
Almacenamento de enerxía: O hidróxeno verde pode almacenar enerxía a gran escala, o que o converte nunha solución para xestionar a intermitencia das fontes de enerxía renovable. O exceso de enerxía renovable pódese utilizar para producir hidróxeno verde, que logo se almacena e convértese novamente en electricidade cando se necesita.
Sector residencial: As pilas de combustible de hidróxeno permiten xerar electricidade e calor de maneira eficiente, polo que o hidróxeno renovable pode utilizarse para calefacción e produción de electricidade en fogares e edificios.
Estes usos amplían os motivos de aplicación do hidróxeno renovable na industria mineira. O almacenamento local deste hidróxeno permite que a electricidade que se obtén a partir del póidase utilizar para impulsar procesos de produción a base de minerais e xerar calor, entre outras, cando de necesite. Tamén pode ser utilizado como materia prima para fabricar os explosivos que se precisan nas operacións mineiras e como combustible para os vehículos pesados que se utilizan neste sector. Ademais, o hidróxeno pode axudar a mellorar a autonomía enerxética dos emprazamentos mineiros. Todas estas alternativas permitirían achegar ao sector cara a unha minaría moderna e sostible de 360 graos.
As oportunidades de Galicia no desenvolvemento do hidróxeno verde
Esta infinidade de posibilidades fan que nos últimos anos emerxese como unha solución prometedora para abordar os desafíos do cambio climático e a transición cara a un futuro enerxético sostible. Dito doutro xeito, convérteno nun importante aliado para lograr a neutralidade climática en 2050.
Por esta razón, a Unión Europea púxose a meta de producir en 2024 un millón de toneladas de hidróxeno renovable. Cabe mencionar que xa se puxeron en marcha iniciativas como a Folla de Roteiro do Hidróxeno, impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Gobierno, os fondos Next Generation, ou o proxecto H2Med, do que forman parte España, Francia, Portugal e Alemaña.
A localización xeográfica española, cun gran número de horas de sol, xunto cun importante despregamento tecnolóxico, está a permitir dar grandes pasos cara a unha auténtica transición. De feito, unha gran superficie de España conta xa con proxectos de potencia instalada de electrolizadores, o que demostra que o noso país cumpre cos requisitos necesarios para seguir avanzando nesta materia e converterse nun dos líderes a nivel mundial, contribuíndo así a xerar postos de traballo, sostenibilidade e riqueza.
Cal debe ser o papel de Galicia neste contexto? A comunidade galega, conta cun gran potencial para o desenvolvemento do hidróxeno verde debido a que ten unhas condicións xeográficas e climáticas que son moi favorables, xa que hoxe en día é unha potencia na produción renovable e, ademais, conta cunha gran dispoñibilidade de recurso hídrico, tanto mariño como terrestre, o que configura unhas condicións idóneas para a produción de H2 sostible.
Xa están en marcha varios proxectos e estudos para impulsar o desenvolvemento do hidróxeno verde. Espérase que en menos de dous anos as plantas das Pontes, Caldas de Reis, Meirama e Vigo poidan estar en funcionamento. De feito, os proxectos das Pontes e Meirama contan con 30 millóns en axudas por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
O hidróxeno verde é unha oportunidade que temos ao noso alcance e non debemos desaproveitar. Esta nova tecnoloxía pode achegar grandes avances á industria mineira e, á súa vez, a minería sostible da nosa rexión supón unha vantaxe estratéxica vital para poder optimizar o desenvolvemento do H2 renovable.