A minaría de Galicia non é como en Alaska

2022-02-15T17:30:53+01:0015/02/2022|

Pode ser que o único que saibas sobre a minaría veña da televisión, nalgún deses programas sobre procura de ouro que se emiten na canle DMAX de España. Se che parece que esa é a realidade da minaría, imos demostrar que estás equivocado. Pedímoslle a enxeñeiros de minas que nos expliquen se o que fan os (presuntos) mineiros de América do Norte sería posible en Europa. Todos o teñen ben claro: Galicia non é Alaska.

De que estamos a falar? Todo empezou con ‘A febre do ouro’ (Gold Rush), producida por Discovery Channel en EE. UU. Nela séguense os esforzos de extracción de ouro de varias empresas mineiras familiares, principalmente na rexión de Klondike (Canadá) e en Alaska (EE. UU). Os equipos de traballo operan en territorios moi amplos, con técnicas asombrosas e cometendo todo tipo de atropelos. É unha serie que ata 2020 completou dez tempadas, emitindo 212 capítulos dunha hora cada un.

Son moitos os spin-offs e réplicas que seguiron esta temática, levando a buscavidas e aventureiros a realizar operacións mineiras irrespetuosas co medio ambiente e coa seguridade laboral en costas do mar de Bering, na Güiana ou no outback de Australia. Todas co mesmo esquema: técnicas discutibles, cobiza, persoal mal formado e moito drama.

“Nin hai 50 anos se facían as cousas así en España”

O que se ve en Gold Rush e noutros programas similares é unha aberración en todos os aspectos. Sae todo o que non se pode, nin se debe facer. O que se ve nestes programas é impensable en Europa; lévanche directamente ao cárcere, e entendo que tampouco é posible no resto dos estados de EE. UU”, explica Carlos Martínez, enxeñeiro de Minas, director da Asociación Galega de Áridos e profesor asociado da Escola de Minas e Enerxía (UVigo). “Hai bastante dramatización, pero o transfondo dá medo”.

“Nin hai 50 anos se facían esas cousas en España”, engade Javier González Paz, enxeñeiro de minas e director de Esmin. Pola súa banda, Andrea Vizcón, enxeñeira de Minas en Lista Granit, resístese a pensar que hai moita realidade no que se ve en televisión. “Non pode ser real que apaguen un incendio dun camión con cubos de auga, nin que creza musgo nun motor, nin que os padeeiros manexen a maquinaria coma se fosen coches de choque”, explica.

“A maquinaría non pasaría ningún control da UE”

Unha das principais tolemias que se pode ver nesta serie é o desprezo polas máis elementais normas de seguridade para os traballadores, “verdadeiras burradas”, como explica Martínez. “Executan con maquinaria pesada grandes buracos, xerando noiros non consolidados, con empuxes de auga descoñecidos. A maquinaria que empregan, fabrícana eles, sen control de emisións, de consumos nin de riscos para os traballadores”.

Gold Rush maquinaria

A normativa de prevención de riscos laborais española e a vocación de empresas e sindicatos por reducir os accidentes fan que os índices de sinistralidade están moi por baixo dos doutras actividades comparables. “Sen necesidade de facer unha inspección en profundidade, só polas imaxes da tele, a maquinaria que usan non pasaría nin un control de normativa da UE”, advirte Javier González.

“A maquinaria que usan nestas series está dispoñible tamén en Europa e ten uns libros de mantemento e unhas obrigacións que ninguén pode saltarse. Non me explico como fabricantes de talla mundial como CAT poden verse involucrados nestes desmáns”, engade Andrea Vizcón.

“Non fan restauración dos terreos que arrasan”

Juan Ricoy Alonso, enxeñeiro de Minas, profesor da Escola de Minas e Enerxía (UVigo) e director técnico na empresa Áridos do Mendo tratou de buscar referencias sobre recuperación dos terreos despois da súa explotación. Sen resultados. “Nunca escoitei falar aos protagonistas sobre a restauración dos terreos afectados, nin facer ningún traballo respecto diso. En toda a serie, nunca vin referirse a unha concesión para a captación de auga ou para a súa vertedura. Empregan auga en grandes cantidades e nunca hei visto que a traten e a recirculen para minimizar o consumo. Tállanse árbores e non se fala de autorizacións para facelo”.

As empresas españolas están obrigadas a presentar un plan de restauración detallado e a depositar uns avais #ante a administración que garantan a súa execución, pero en Gold Rush brillan pola súa ausencia. “En Europa temos que cumprir os plans de restauración máis esixentes do mundo e alí, non existen. Moven miles de toneladas de material e déixanos por aí, amontoadas. E os leitos dos ríos, pois como queden despois de extraer o material para procesar”, engade Carlos Martínez.

“Falta de profesionalidade en labores mineiros”

Outra das realidades máis cuestionables é a falta de profesionalidade e as carencias dos traballadores protagonistas. “Á fronte dos labores non hai técnicos con formación en enxeñería de minas ou de xeoloxía. Trátase de aventureiros que non planifican, que se plantan a perforar nun lugar sen facer un estudo previo, sen análise de rendibilidades. Polas súas conversacións e maneiras de actual, o persoal non está cualificado, nin realizou cursos de seguridade, como os ITC 02.1.02., obrigatorios en España”, sostén Javier González Paz.

Gold Rush

En España é obrigatorio que as explotacións mineiras estean planificadas e supervisadas por un director facultativo, enxeñeiro, responsable técnico e legal do cumprimento da normativa. “En ningún capítulo vin a algún técnico ou enxeñeiro á fronte da explotación. É o xefe ou promotor o que marca as directrices dos traballos aparentemente, sen base técnica ou lexislativa algunha. En ningún momento se fai referencia ao proxecto de explotación ou a estudos previos. Explotan en zonas segundo un criterio arbitrario, e cando non atopan ouro, póñense a probaren outro sitio”, engade Juan Ricoy.

“Non é minaría, é depredación da natureza”

Os enxeñeiros de Minas de Galicia teñen claro que “non é un reflexo da minaría de EE. UU. O que se ve pola tele son bandas organizadas que esquilman recursos alá por onde van”, expón Javier González.

A Juan Ricoy a serie de Gold Rush lémbralle a “os buscadores de ouro das películas do Oeste, con retroexcavadoras e maquinaria pesada, pero coas mesmas nocións técnicas e ambientais”. Carlos Martínez é aínda máis claro: “Iso nin é minaría sostible, nin podemos nin chamala minaría. Iso é un exemplo do que pode facer o ser humano por apoderarse dos recursos da natureza de forma descontrolada, pura depredación”.

A minaría de España opera baixo un estándares elevados en materia de seguridade e saúde, así como de controis ambientais, de respecto pola paisaxe, o patrimonio e as concas hidrolóxicas. A realidade da minaría na UE, cuns sistemas de control e vixilancia exhaustivos, está moi afastada dos realities dramatizados dos buscadores de ouro de América.