A plataforma Minaría Sostible de Galicia vén de presentar aos concellos galegos unha alternativa turística baseada nas súas instalacións mineiras e características xeolóxicas. O encontro, que tivo lugar na sede Afundación en Santiago de Compostela, tivo por obxectivo achegar aos técnicos de turismo, Grupos de Acción Local (GAL) e Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) de concellos con pasado mineiro as posibilidades do turismo industrial e mineiro.
Os encargados de inaugurar a xornada foron Juan de Dios Martínez, presidente da Cámara Mineira de Galicia, e Juan José Durán, pertencente ao Departamento de Recursos Xeolóxicos do Instituto Geológico y Minero de España. Durán quixo salientar un dato: “O turismo en España representa o 12% do PIB, sendo o 3º país máis visitado do mundo” e apuntou novas medidas para ofrecer unha oferta máis completa aos visitantes: “O momento para promocionar un turismo industrial e mineiro é agora. Un momento en que as tecnoloxías de extracción avanzaron e as antigas explotacións poden cobrar unha segunda vida amosando parte da nosa historia”, tamén destacou os valores engadidos desta forma de turismo: “É actual e atende peticións que a sociedade demanda: un turismo de experiencias que ten en conta a contorna natural”.
Pola súa parte, Martínez quixo salientar a maneira en que a minaría está enraizada á nosa terra: “Desde a Prehistoria, co uso da pedra e dos metais, ata os modernos edificios de cristal e formigón, pasando polas murallas, as catedrais e os pazos: todos son produtos da minaría”.
Presentación do libro ‘Patrimonio mineiro de Galicia’
O presidente da COMG fixo fincapé na importancia do libro ‘Patrimonio mineiro de Galicia’ como xerme da aproximación da historia mineira á sociedade, unha publicación que xorde da colaboración do IGME e a Cámara Oficial Mineira de Galicia no convenio ao que chegaron ambas entidades en 2018, materializado na Unidade de Recursos Minerais de Galicia. Unha unidade que trata de unir forzas en proxectos de investigación, difusión e divulgación de sector xeolóxico e mineiro.
Neste marco, Ángel García Cortés, xefe de Área de Patrimonio Xeolóxico e Mineiro do IGME, foi o encargado de presentar o devandito libro. García aproveitou para agradecer a implicación dos demais autores, así coma dos concellos mineiros e asociacións que participaron na súa elaboración. Este libro recolle 30 puntos ao longo do territorio galego, entre os que se atopan museos mineiros, instalacións mineiras e rutas de sendeirismo de grande interese xeolóxico e mineiro.
A riqueza xeolóxica e mineira de Galicia
A primeira mesa redonda da xornada, moderada por Pablo Núñez, delegado en Galicia do Ilustre Colexio de Xeólogos, xirou entorno aos recursos xeolóxicos de Galicia e contou coa presenza de representantes de tres puntos privilexiados de Galicia: Mayte Sobradelo, encargada das visitas do Museo Minas de San Finx; Martín Alemparte, xerente do grupo de desenvolvemento rural Montañas do Courel; e Juan Ramón Vidal Romaní, impulsor da Candidatura Xeoparque Costa da Morte.
Romaní resaltou o valor que ten a o territorio de máis de 2.000 quilómetros cadrados e que está en trámites para presentar a súa candidatura á exclusiva rede da UNESCO: “A Costa da Morte presenta grandes peculiaridades, por exemplo, as súas praias son de cantos e non de area, ademais esta franxa atlántica presenta covas graníticas espectaculares que son visitables, pero descoñecidas para a maioría”. Tamén salientou a historia mineira da zona, que merece a pena coñecer mediante visitas turísticas: tanto as pegadas de antigas explotación de volframio e estaño como as explotacións activas no presente, coa denominada “minaría branda” que explota caolíns sen provocar grandes impactos no medio.
Pola súa parte, Alemparte falou do recente estreado Xeoparque Montañas do Courel e do que implica esta nova denominación. “Un xeoparque promove un desenvolvemento sostible, o xeoturismo, a conservación e a posta en valor dos produtos da zona”, comentou Alemparte e engadiu que “hai que romper mitos, a minaría e compatible co xeoparque dentro dun marco de sustentabilidade”.
Sobradelo falou da importancia do Museo Minas de San Finx: “Este museo situou Lousame no mapa”. Dende 1990 a mina estivo sen actividade ata que a concesionaria se puxo en contacto co concello para que as instalacións non se perdesen. Na creación do museo colaboraron tanto a concesionaria como a Cámara Mineira de Galicia, e non só é unha mostra da minaría da zona, senón tamén da súa sociedade, mostra dalgúns acontecementos coma os primeiros movementos sindicais. Sobradelo adiantou os próximos pasos para o museo, entre os que se atopa rehabilitar parte da galería para que sexa visitable.
Os tres relatores coincidiron na necesidade de que os xeólogos deixen de falar unha linguaxe endogámica e se acheguen ao pobo e tamén sinalaron como faio da Ensinanza que non haxa unha materia en secundaria que fale da historia da Terra.
O Xeolodía e os xeoparques: achegar a sociedade á súa contorna
A segunda mesa redonda estivo moderada por María Vázquez, técnica da COMG, e nela participaron Benigno Amor, xerente do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia; e os xeólogos Francisco Canosa e Eduardo Clavijo. Amor puxo de manifesto o que significa o termalismo para a nosa terra: “Galicia é o destino termal líder en España” e engadiu que “trátase dun sector transversal, de orixe mineira, pero con potencial sanitario e turístico”. Falou ademais de como varias formas de turismo se poden fusionar, como co proxecto “Termalismo e Camiño de Santiago”, que bebe da vinculación do peregrino ás fontes do camiño e á recuperación do cansazo nas termas.
Canosa, xeólogo impulsor da candidatura Xeoparque Cabo Ortegal, falou dos primeiros pasos deste proxecto: “Unha das metas é incentivar a economía local coa xeoloxía como núcleo”, e recalcou que a grande paisaxe tan apreciada polos que visitan Galicia pode ter un valor engadido a través da xeoloxía. “En Galicia contamos cun geosite en Burela e non lle damos o valor que merece”. Canosa aproveitou para lanzar unha mensaxe ás administracións para que se amosen máis comprometidas coa xeoloxía local.
Pola súa parte, Clavijo centrou a súa exposición no Xeolodía, un día que se celebra de forma anual en toda España e que trata de amosar a xeoloxía descoñecida da nosa propia provincia. Clavijo comentou a dificultade que tivo esta festa da xeoloxía nos seus comezos, onde apenas obtiveron resposta dos concellos e como agora as prazas se cobren 4 meses antes da súa celebración. Clavijo tamén pensa que a xeoloxía se debe integrar no turismo paisaxístico: “Se miles de persoas xa veñen a propósito a ver os canóns do Sil, o feito de aprender como se formaron é un valor engadido”, declarou.
Poñer en valor o patrimonio mineiro
Mercedes Carreño, directora da Escola de Turismo CENP de A Coruña, amosou coa súa exposición a perspectiva menos técnica e máis achegada á realidade dos turistas. “Somos un país eminentemente turístico, cun turismo maduro e debemos diferenciarnos”, declarou. Para Carreño, o turismo industrial cada vez é máis apreciado por turistas maduros procedentes de Alemaña, Holanda ou Xapón; e debe ser parte integrante do turismo cultural. Aproveitou tamén para falar dos retos desta rama do turismo: “Os guías deben ser capaces de trasladar aos visitantes a riqueza que emana ese patrimonio industrial, transmitir emocións mediante o storytelling”. Outro dos problemas que expuxo foi a necesidade de facer accesible este turismo aos visitantes proporcionando información de seguridade, alternativas de transporte e pernoctación, etc.
Na última mesa da xornada, moderada por Roberto Almuiña, secretario de Arigal, o tema a tratar foi o panorama nacional e internacional do patrimonio mineiro. Diego Casal, impulsor do Museo da Minaría de Fontao, declarou que “Non basta coa vontade para pór en valor o noso patrimonio” e destaca que a mina pode ser o fío condutor que aglutine elementos paisaxísticos, naturais ou gastronómicos. Casal aproveitou ara falar do seu documental “Seguindo os pasos do ouro negro”, unha peza que ademais de dar unha visión produtiva, achega unha perspectiva social da explotación de volframio durante a II Guerra mundial.
Pola súa parte, Ángel García resaltou que as leis de patrimonio cultural presentes en Galicia xa incorporan o patrimonio de carácter industrial, e polo tanto o mineiro. Enrique Orche, Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero, aproveitou este bloque para sinalar que existen un total de 82 minas ‘museizables’ en toda España e tamén sinalou que moita xente fai turismo mineiro sen sábelo, coma no Parque de Naturaleza de Cabárceno (Cantabria) ou no Jardín de Cactus (Lanzarote).
Ángel Bernardo Tahoces, director Xeral de Minas e Enerxía da Xunta de Galicia, pechou a xornada cunha declaración de intencións: “A minaría só terá futuro se se coñece o seu pasado, só desde o coñecemento á sociedade galega se reconciliará coa súa minaría”. Tahoces sinalou ademais a importancia da posta en valor do patrimonio xeolóxico e mineiro como revulsivo para a España baleirada.