Os produtos mineiros mostran a súa potencia nos portos galegos

2023-03-17T09:20:59+01:0017/03/2023|

Os portos galegos continúan tendo nos produtos procedentes da actividade mineira un respaldo importante nas súas operacións de embarque e desembarque. Á vista dos tráficos de mercadorías dos que deron conta as dársenas de Galicia ao longo dos anos 2021 e 2022, as perspectivas son moi alentadoras, alcanzando ou superando incluso as cifras mensuais previas a 2020, ano de contracción na actividade económica mundial derivado da pandemia.

Ademais do forte tirón de produtos ligados á alimentación, a vía marítima é moi importante para a subministración desde Galicia a outras partes do mundo, de materiais mineiros moi apreciados en construción como o granito ou básicos para a fabricación de elementos ligados ás enerxías renovables e á transición enerxética, como a subministración de torres eólicas offshore e cimentacións e suxeicións para parques onshore.

O granito contribuíu aos mellores anos do Porto de Vigo

A pesar das consecuencias da pandemia, o porto de Vigo viviu en 2021 un dos mellores anos da súa historia en canto a movemento de mercadorías cun tráfico total de 4.809.151 toneladas. Nesta evolución en positivo, os produtos mineiros e os seus derivados tiveron unha relevante achega, especialmente o granito, que ten na rada olívica a súa natural saída ao exterior. Tan só este material, extraído e traballado pola potente industria do Porriño e tamén transformado por outras empresas galegas, supón o 1% do tráfico global do porto vigués.

O granito en bruto alcanzou en 2021 as 283.497 toneladas, un 19,88% máis sobre as que se moveron en 2020. Aínda que é certo que en 2022 houbo un decrecimento, pasando a unha cantidade anual de 267.881 toneladas, esta cifra segue sendo positiva en comparación aos anos previos ao Covid-19.

Pola súa banda, o granito elaborado experimentou unha variación de -0,56% en 2021 e de -0,63% en 2022, chegando a 215.256 toneladas e 213.898 respectivamente.

Outro dos derivados da minaría e relacionado coas aplicacións industriais dos áridos cun potente tráfico no porto de Vigo é o cemento, superando as 300.000 toneladas, cifras similares a outros anos. Como tampouco podemos esquecernos da lousa, procedente de Ourense, cun movemento de 53.470 toneladas en 2021 e 43.092 toneladas en 2022. En total, o 18% do tráfico de 2022 correspondeuse con produtos relacionados coa actividade extractiva, segundo datos da Memoria do Porto de Vigo.

O cuarzo destaca na dársena de Vilagarcía

O porto de Vilagarcía pechou o ano 2021 batendo o seu récord histórico: 1.511.356 toneladas, case 200.000 toneladas por encima do anterior récord, establecido en 2019.

Nos últimos anos, os produtos mineiros destacaron entre os principais tráficos do porto de Vilagarcía, sendo o cuarzo un dos tráficos máis relevantes no apartado de graneis sólidos. En 2021 o mineral transportado ascendeu a 144.139 toneladas, case cincuenta mil máis que un ano antes.

Dentro da categoría de graneis sólidos, o cuarzo é o que máis tráfico xera. Doutra banda, o cemento, moi relacionado co sector dos áridos, atópase en terceira posición cun crecemento ata chegar ás 78.495 toneladas no ano 2021.

O porto de Marín, pola súa banda, rexistrou un tráfico de 2,1 millóns de toneladas, dos que máis de 40.000 correspóndense con produtos mineiros, roldando o 2% do total de mercadorías movidas na dársena.

A Coruña segue forte en hidrocarburos e construción

Os produtos da actividade extractiva mostráronse de vital importancia para os portos do Estado da zona norte de Galicia. A Coruña e Ferrol-San Cibrao son, por esta orde, os portos que maior volume de tráfico por toneladas moven na comunidade autónoma. É certo que a crise sanitaria provocada pola COVID-19 repercutiu na actividade económica xeral afectando a todos os portos, e especialmente ao da Coruña, que reduciu o seu movemento de tráficos un 22% anual ata os 10,59 millóns de toneladas en 2020. A pesar da redución na entrada e saída de hidrocarburos, estes continúan representando algo máis do 60% do volume total de mercadorías da rada coruñesa ligadas á actividade da refinería de Repsol. Cabe destacar que no ano 2022 alcanzouse unha cifra de 14,8 millóns de toneladas, superando así os datos prepandemia.

O cemento a granel, sen e con instalación especial, continuaron en boas cifras con máis de 100.000 toneladas movidas, así como o clínker, materia fundamental para elaborar cemento e formigón, que seguiu por encima das 217.000 toneladas. Destaca tamén a subida do cuarzo embarcado con destino ao mercado exterior nun 10% ata as 177.000 toneladas.

A perda de tráficos de carbón como consecuencia do peche da central térmica de Meirama a mediados de 2020 e a inestable situación de Alu Ibérica, a antiga Alcoa, e o cesamento da súa actividade supuxeron unha baixada significativa dos tráficos de alúmina e bauxita nos portos da Coruña.

Bauxita e alúmina empuxan o peirao de San Cibrao

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao viu minguado o movemento de mercadorías en 2020 e 2021 situándose por baixo dos 800.000 de toneladas, pasando en 2022 ao incrementarse a mercadoría xeral un 25,85% (977.913 toneladas). Destaca a dársena de San Cibrao que reforzou o seu tráfico de graneis sólidos.

O ranking de mercadorías en 2022 ségueo liderando a bauxita, con 3.764.121 toneladas movidas, un 9,2% menos que en 2021 e ocupando o terceiro posto a alúmina con 1,4 millóns de toneladas.

O crecemento experimentado polos tráficos da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao sitúase por encima da medida estatal.

A rada ferrolá, tradicionalmente forte pola importación de carbón con destino á central térmica de Endesa, viuse afectada polo peche da mesma ao longo de 2019. Un tráfico que en 2021 tivo un lixeiro repunte debido á reactivación da planta ante o perigo ao desabastecemento de gas e recárgaa nuclear e volveu a baixar de novo no 2022.

A minaría, clave nos portos galegos autonómicos 

Das 122 instalacións que dependen do ente autonómico Portos de Galicia, 8 delas destacan pola súa actividade comercial sobre as relacionadas coa pesca e o marisqueo, as náutico-deportivas ou as de pasaxe. Ribadeo, Burela, Viveiro-Celeiro, Cariño, Sada, Cee, Ribeira e A Pobra teñen un importante movemento de mercadorías procedentes da actividade do sector da minaría.

O informe de xestión de 2021 dos portos autonómicos revela que o Porto de Cariño figura nos últimos anos como o de maior tráfico de mercadorías superando as 600.000 toneladas. Un feito que se produce grazas ao impulso de mineral dunita (586.000 toneladas) que se correspondería coa dunita que extrae Pasek en Landoi. Outras 6.241 toneladas son de cuarzo e 46.360 toneladas pertencen a cantos, grava e pedras machucadas.

Clave é o tráfico de cuarzo desde o porto de Celeiro-Viveiro, con máis de 137.000 toneladas de cuarzo, ou o de carbonato de magnesio natural, con case 30.000 toneladas, desde o porto de Ribadeo.