Con frecuencia cométese o erro de identificar á minaría como un sector atrasado, con malas condicións para os seus traballadores, con malas prácticas a nivel de impacto ambiental, con explotación e degradación de áreas protexidas. Trátase dunha imaxe que non reflicte a realidade actual dun sector fortemente regulado por un denso armazón legal, baseado en tecnoloxía e que extrema a protección dos seus profesionais.
Ademais, o sector da exploración e explotación dos recursos da terra segue avanzando día a día. O investimento en tecnoloxía e investigación mantén á minaría na vangarda do uso eficiente e sostible das materias primas minerais.
Un dos desafíos actuais na minaría é que, debido á longa historia de extracción, a calidade dos depósitos de mineral diminuíu. Os xacementos máis accesibles e identificados xa foron alcanzados, tras séculos de prospeccións e de minaría activa. Con todo, non sempre fai falta cavar máis profundo ou buscar en terreos non descubertos.
A pregunta é: como podemos continuar coa produción dos minerais que necesita a sociedade de xeito sostible? A tecnoloxía xoga un papel crucial na solución deste problema. A extracción e a produción máis eficiente non só reduce o impacto ambiental, senón que tamén ten un impacto social significativo. A continuación, veremos os ámbitos nos que se deberán centrar os esforzos en I+D do sector mineiro para lograr este obxectivo.
Investimento na etapa de exploración mineira
Na fase de investigación mineira aínda queda campo no que traballar para conseguir melloras e maiores rendibilidades. Os avances en tecnoloxías de exploración, como a análise xeoespacial, o uso de drons e a intelixencia artificial (IA), revolucionaron a identificación e avaliación de depósitos minerais. De todos os xeitos, a pesar de que a tecnoloxía permite grandes avances, segue sendo necesario realizar prospeccións de campo mediante sondaxes e toma de mostras.
En Galicia, a implementación de tecnoloxías novas pode reducir significativamente o tempo e os custos asociados co descubrimento de minerais, mellorando a precisión e eficiencia das operacións mineiras.
Innovación na fase de desenvolvemento dunha mina
Na etapa de desenvolvemento dun proxecto mineiro producíronse enormes avances nos últimos anos. Desde o uso de tecnoloxías máis avanzadas para chegar a maiores profundidades, pasando por maquinaría capaz de mover millóns de toneladas de terra e técnicas para realizar labores mineiros nos confíns menos habitables e máis remotos da terra.
A planificación e construción dunha mina no século XXI require altas capacidades de computación, procesamento de bases de datos enormes e unha planificación precisa para acceder aos recursos. A pesar de que as técnicas mineiras básicas están xa definidas nun corpo científico, a sofisticación da tecnoloxía permite melloras constantes.
A automatización, a IA e a robótica están a transformar os procesos de escavación. Os camións mineiros autónomos e os sistemas de perforación non só aumentan a eficiencia operativa, senón que tamén melloran a seguridade. En Galicia, a adopción destes sistemas altamente tecnolóxicos para a extracción de mineral pode incrementar a produtividade nun 15%, á vez que reduce os riscos operativos.
Melloras tecnolóxicas no refinamento de minerais
Se a innovación nas fases de investigación mineira e desenvolvemento mineiro teñen moito que ver con actividades como a xeoloxía, a computación ou a enxeñería, o campo para a mellora na fase de beneficiado dos minerais está na física e na química inorgánica (metalurxia e química dos metais).
O beneficiado é unha fase da actividade que busca illar os minerais obxectivo dos demais e poñelos en valor. Trátase dun proceso no que o mineral obtido da terra empeza un tratamento industrial que o transformará nun produto útil para o mercado.
As tecnoloxías de concentración, como a flotación, a lixiviación e a separación magnética, son cruciais para extraer minerais valiosos. Os procesos de refino que seguen, como a fundición e a electrólise, son esenciais para producir materiais de alta pureza. Os sistemas de flotación modernos poden mellorar as taxas de recuperación en máis dun 10%, mellorando significativamente a viabilidade económica das operacións mineiras.
No caso dos minerais industriais e os metais, o produto extraído dunha mina non se pode comercializar directamente porque está mesturado con outro material sen valor e contén impurezas. Por iso é necesario procesalo para obter o concentrado ou mineral de alta lei, que é un produto que xa se pode vender como materia prima.
Nalgúns casos, o produto obxectivo atópase en proporcións realmente baixas dentro do material procesado. Por exemplo, nos casos de minaría metálica (sen actividade en Galicia), a concentración media de ouro puro por tonelada extraída adoita roldar os 5 gramos e, de cobre, os 5 quilos por tonelada. Pois ben, ese proceso de refinado aínda pode mellorarse con precisión tecnolóxica derivada dun maior investimento en I+D.
As rochas sen valor extraídas xunto aos minerais útiles almacénanse en áreas chamadas vertedoiros de estériles, situadas preto das minas e canteiras. Estas provisións poden non ter utilidade en determinada época ou, simplemente, conter faccións de mineral que a tecnoloxía do momento non pode aproveitar. Anos despois, cos cambios no mercado dos minerais ou un avance científico, poida que ese vertedoiro sen aparente valor resulte ser o que se denomina xacemento de orixe non natural (Sección B). Entón pódese procesar de novo ese mineral para extraer materiais valiosos de novo.
Nestes procesos de refino, grupos de investigación, empresas e startups están a desenvolver tecnoloxías que permiten extraer metais de maneira selectiva e eficiente.
Minaría urbana para a recuperación de metais
Innovacións como a extracción de metais a partir de residuos poden transformar produtos de refugallo en materias primas, limitando a necesidade de novas extraccións. Trátase da denominada minaría urbana, que desenvolve a tecnoloxía necesaria para a reciclaxe das materias primas minerais de residuos tecnolóxicos, pero tamén dos residuos de demolición e construción (RCDs).
A medida que a sostibilidade se converte nun enfoque clave, investir en tecnoloxías de reciclaxe é crucial para a industria mineira. Os métodos avanzados de reciclaxe poden recuperar minerais valiosos dos materiais de refugallo, reducindo a necesidade de novas operacións mineiras sobre recursos xeolóxicos naturais.
A reciclaxe de minerais procedente de residuos é un campo con enorme potencial, que require un desenvolvemento tecnolóxico considerable para evitar ineficiencias e ser viable por si mesmo como actividade de obtención de materias primas. En calquera caso, a obtención da cantidade de minerais necesaria para a descarbonización non pode pasar en ningunha medida unicamente pola reciclaxe.
Na actualidade, nin a economía mundial conta cunha masa crítica de aparellos eléctricos e electrónicos en suficiente cantidade; nin existen opcións viables de reciclaxe a escala industrial.
A minaría en Galicia ten a oportunidade de liderar o camiño cara a un futuro máis sostible. O investimento en tecnoloxías avanzadas non só mellorará a eficiencia e seguridade das operacións mineiras, senón que tamén contribuirá á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento económico da rexión.